jueves, 26 de enero de 2012

Visita á exposición: "O Quixote e os Dereitos Humanos"

Os alumnos e alumnas de 1º de Bacharelato visitamos durante esta semana a magnífica exposición pictórica "O Quixote e os Dereitos Humanos", realizada polo pintor barcelonés (e tamén namorado de Galicia) Juan Queralt Blanch.
O propio autor guiounos polo patio interior do Instituto, onde se presenta a exposición. Coas súas explicacións, lembramos algúns dos episodios da obra cervantina nos que se descubre a súa decidida defensa da liberdade, como no caso do episodio dos galeotes; viaxamos a Toledo, ás terras manchegas, a Lepanto, ao cautiverio de Arxel,...; encontrámonos con Unamuno e con Ortega y Gasset; descubrimos a un Che Guevara "Quixote"; sentimos moi preto a presenza dos "actuais quixotes", verdadeiros herois anónimos que viven e loitan entre a  pobreza e miseria africana como cooperantes; e coñecimos a un pintor, a un pensador ben coñecedor da vida, obra e intencións da obra de Cervantes, pero sobre todo a unha persoa apaixonada coa súa preocupación polos valores que nunca debemos perder de vista para convertirnos en verdadeiramente humanos.
No nome dos meus alumnos e alumnas e no meu propio, moitas grazas, por ilustrarnos dese modo tan fermoso sobre o Quixote e sobre os Dereitos Humanos e por manter viva esa ilusión en defensa da liberdade, na loita contra a inxustiza, na busca permanente dunha Ínsula de Barataria. Se queredes ver on-line a exposición, clicade aquí. Se queredes coñecer máis sobre a obra de Queralt Blanch, aquí.
Animádevos a participar no concurso de ensaio, organizado polo Concello!